A influencer Hajar Brown, protagonista do teaser de "Islamización", un proxecto de CTV
A comedia romántica Islamización está protagonizada pola actriz e influencer madrileña de orixe marroquí Hajar Brown
Doutor Cunqueiro é unha dramedia, baseada na obra literaria “Os outros feirantes” de Álvaro Cunqueiro, adaptada por Eligio R. Montero
Un thriller de temática paranormal e xuvenil, O círculo de Gaia, creado por Lidia Fraga
Os proxectos creáronse ao abeiro das axudas do programa Hub da Industria Creativa Galega, financiado por Fondos FEDER da Unión Europea a través da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia
A produtora compostelá CTV presenta os teasers das tres series de ficción, Islamización, Doutor Cunqueiro e O círculo de Gaia, desenvoltas grazas ás axudas do programa Hub da Industria Creativa Galega para o desenvolvemento dun paquete de propostas audiovisuais. Estas axudas están financiadas pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), unha maneira de facer Europa, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19 para apoiar aos sectores máis afectados, xestionadas a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia.
Islamización é unha comedia romántica, creada e dirixida por Ghaleb Jaber Martínez, showrunner das series Motel Valkirias e O sabor das margaridas, e cun guión realizado por Raquel Arias e Alba Araújo, guionista ourensá que traballou en series como O Faro, Los Hombres de Paco ou Motel Valkirias. O teaser está protagonizado pola actriz e influencer madrileña, de orixe marroquí, Hajar Brown (Madrid, 1996), que tamén ofreceu asesoramento no guión. Entre o elenco destaca tamén o actor Toño Casais.
Como punto diferencial, esta serie conta coa diversidade cultural como eixe de conflitos. Cun formato de 6x45’, a historia pon o foco nunha problemática social, a intolerancia, a través dunha historia de amor. A actitude do protagonista principal, o namorado, serve para evidenciar os prexuízos da sociedade con determinados colectivos e minorías.
Islamización dálle voz a xente que, coma min, creceu entre dúas culturas. Unha persoa que en Occidente se pode considerar árabe e que para o mundo árabe pode ser europea, sen chegar a ser ningunha das dúas cousas e todas á vez. Ata agora, as historias sobre a comunidade inmigrante contáronse desde a viaxe persoal e o autodescubrimento, desde o drama e desde un punto de vista anglosaxón. En Islamización faise a través dunha historia de amor, –un relato universal–, da comedia e dun enfoque europeo” –explica–.
O realismo máxico de Cunqueiro levado á ficción televisiva
Outro dos proxectos é Doutor Cunqueiro, unha dramedia de 6x45’, guionizada por Eligio R. Montero, sobre un médico rural que encontra o amor e trata a unha serie de pintorescos pacientes nunha vila costeira.
Doutor Cunqueiro é a adaptación televisiva dunha coñecida obra da literatura galega, “Os outros feirantes” de Álvaro Cunqueiro.
“É unha serie de comedia romántica con toques máxicos e surrealistas, propios da narrativa de Cunqueiro, con personaxes pintorescos e entrañables. É luminosa, optimista e divertida, unha celebración da vida e do amor. Unha homenaxe a eses feirantes extravagantes cos que nos atopamos na feira que é a vida” –explica Montero–.
Seis estudantes investigando un crime na Universidade de Gaia
O terceiro proxecto é un drama paranormal e xuvenil con carácter de thriller chamado O círculo de Gaia. Para este proxecto contouse con Lidia Fraga (Oleiros, 1976), unha profesional cunha longa traxectoria en ficción seriada, con títulos como Montecristo, A lei de Santos, Hospital Real ou Piratas, e tamén con Alba Araújo que é a creadora do proxecto.
A serie, que constará de seis capítulos de 50 minutos, relata as peripecias dun grupo de universitarios e a súa profesora durante a investigación dun crime e de varios fenómenos sobrenaturais. Este coming-of-age está ambientado na Universidade de Compostela e percorre varios puntos da capital galega e dos arredores.
[“Axudas para o desenvolvemento de paquetes de propostas audiovisuais que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do programa Hub da Industria Creativa Galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT207H)”]
NOTA.- Inclúe fotografía de Hajar Brown e ligazón web “Unha maneira de facer Europa”
Comments