A TVG estrea Noite Xigante, un concurshow para a noite dos sábados
O espectacular programa, producido por CTV, está presentado por María Mera e ten como colaborador ao cantante César Romero
Carlos Baute, Diana Nogueira e Manuel San Martín serán os primeiros convidados dun programa que comezará ás 22:00 horas
Un novo programa semanal para toda a familia chega a Televisión de Galicia. Noite Xigante é a nova aposta para as noites dos sábados, un concurshow de ritmo frenético cheo de música e baile, producido por CTV. O programa estrearase este sábado día 20, ás 22:00 horas, disposto a sorprender ao público con grandes actuacións musicais, probas, premios e convidados famosos con ganas de pasalo ben.
A nova festa dos sábados na TVG estará presentada pola todoterreo, María Mera (presentadora en Os mellores da clase, Carballeira ou A liga dos cantantes extraordinarios), que estará acompañada nesta aventura polo cantante César Romero (participante en A liga dos cantantes extraordinarios e membro da Orquestra Cinema) como polifacético colaborador.
Na estrea de Noite Xigante, María Mera e César Romero abrirán o show cun espectacular número de baile. Neste primeiro programa, estarán acompañados polo carismático cantante Carlos Baute, ademais de recibir a visita de Diana Nogueira e Manuel San Martín, todo amenizado coa animación da Fanfarria Farruca.
O Caldeirón, un aparello que lanza un líquido viscoso, poñerá a proba a valentía dos concursantes
Noite Xigante é un concurshow, cheo de sorpresas e espontaneidade, onde cinco concursantes, cargados de boa enerxía, poñen a proba a súa intuición, nervios e pericia en distintas probas. A valentía dos concursantes tamén se porá e proba co Caldeirón, un aparello xigante que lanza un líquido viscoso que promete converterse no momento estrela do programa.
Como non podía ser doutra forma, o show conta con probas moi orixinais para que os seus concursantes demostren o que valen: unha cámara oculta con sorpresa, unha ronda rápida de preguntas, diversas probas de pericia visual ou física e ata retos musicais.
O concursante que sexa capaz de superar as distintas probas chegará á final onde poderá gañar o premio dos premios: un grande escaparate valorado en miles de euros, con agasallos como unha viaxe ao Caribe, unha bicicleta, varios aparellos tecnolóxicos, un reloxo e outros produtos que mesmo tamén poderán ser para o público do programa.
Comments