top of page

Finaliza a rodaxe do teaser de “Guerreras, el conflicto de Telanosa”, o novo proxecto de ficción de CTV, guionizado polo gañador dun Goya Eligio R. Montero

A produtora compostelá CTV finaliza a gravación do teaser de “Guerreras, el conflicto de Telanosa”, unha serie que conta coa subvención ao desenvolvemento da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Xunta de Galicia e do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais.

 

“Guerreras, el conflicto de Telanosa” é un drama social, inspirado en feitos reais e ambientado, principalmente, en Galicia e en Portugal nos anos 80. A serie recrea o caso Telanosa, un movemento de loita laboral, que comezou cun polémico préstamo e terminou con multitudinarias manifestacións. O proxecto foi creado por Ghaleb Jaber Martínez (Santiago de Compostela, 1981), produtor executivo de CTV, e Alba Araújo  (Ourense, 1985), guionizado por Eligio R. Montero (Vigo, 1970), galardoado cun Goya, e por Raquel Arias (Vigo, 1989), guionista de Motel Valkirias, O sabor das margaridas e Ghuasapp.

 

Cun formato de 4x60’, a historia pon o foco nunha loita laboral a través da historia de tres personaxes ficticios. Jaber Martínez destaca que “a serie relata a loita incansable dunhas mulleres polo seu futuro e polo das xeracións vindeiras. Os feitos reais que ocorreron durante este período histórico, como as Eleccións Xerais do 86 ou o Mundial do 82, serven para situar ao espectador nun espazo temporal cheo de contrastes”. O teaser, gravado nos platós da produtora, servirá como carta de presentación deste novo proxecto de ficción de CTV.

 

Sinopse

Redondela, 1980. Seis da mañá. Un grupo de traballadoras, lideradas pola carismática Xela, entran pola forza nas oficinas da empresa téxtil Telanosa e reteñen aos xefes de persoal durante 24 horas. Días máis tarde, repiten a mesma operación cos directivos. As traballadoras están a piques de perdelo todo por culpa dun crédito que pediron a favor da empresa e necesitan unha solución urxente.

 

Dous anos máis tarde, Xela e as súas compañeiras, Manuela, unha costureira, e Patricia, unha encargada, defenden a súa inocencia ante os tribunais e relatan o drama persoal que sufriron tras ser despedidas e enganadas por directivos e sindicatos. O xuízo enfronta ás traballadoras aos seus antigos xefes que as acusan de detención ilegal. Unha batalla xudicial que podería acabar coas mulleres entre reixas.

 

Aínda que Xela, Manuela e Patricia logran a vitoria nos tribunais, a ameaza de perdelo todo por mor do crédito pende sobre elas. As mulleres deféndense nas rúas, convocando multitudinarias manifestacións que acaban en batallas campais. Finalmente, o goberno de Felipe González condona a débeda, pero xa nada importa porque estas mulleres perderon o seu traballo e os mellores anos da súa vida loitando para que se fixese xustiza.




                   

Comentários


bottom of page