top of page

Paquete de proxectos desenvoltos ao abeiro do Hub da Industria Creativa Galega, financiado por Fondos FEDER da Unión Europea a través da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia

O departamento de desenvolvemento de CTV elaborou un paquete de tres proxectos con estratexias de venda e produción moi diferenciadas, que pretende satisfacer tres públicos clave. O Círculo de Gaia é unha serie xuvenil escrita por Lidia Fraga, destinada a un público young adult. Islamización é unha rom-com que explora as diferenzas culturais, escrita por Ghaleb Jaber Martínez, Raquel Arias e Alba Araújo. E por último, Doutor Cunqueiro, unha adaptación libre de Os outros feirantes de Álvaro Cunqueiro, levada a cabo por Eligio R. Montero e dirixida a un público adulto e transversal.


 


 

Islamización (6x45')

 

Xénero: Rom-com.
Duración: 6x45’.
Creador: Ghaleb Jaber Martínez.
Guionista: Ghaleb Jaber Martínez, Raquel Arias Ruíz, Alba Araújo.

Asesoramento en guión: Hajar Brown

Proxecto:

 

Rom-com cun punto diferencial, a diversidade cultural como eixe de conflitos e como elemento de atracción entre os protagonistas. Cun formato de 6x45’, Islamización explota as convencións do xénero, un tipo de narración a proba de bomba. O patetismo de Antón, un dos personaxes principais, e os seus prexuízos pola cultura musulmá, serven para evidenciar os comportamentos e os defectos da sociedade con determinados colectivos e minorías. Poñemos o foco de atención nunha problemática social, a través dunha historia de amor.
 
Ghaleb Jaber Martínez, showrunner de Motel Valkirias e O sabor das margaridas, é o director e creador do proxecto e Hajar Brown é a asesora de
guión e a protagonista. Hajar xa levou a cabo este labor de asesoría na serie para adolescentes Skam, que tamén protagonizaba, e é unha importante activista con gran visibilidade nas redes sociais. 

Todo_HUB para Web.png

O círculo de Gaia (6x50')

 

Xénero: Drama paranormal. Xuvenil. Thriller.
Duración: 6x50’.
Creadora: Alba Araújo.
Guionista: Lidia Fraga.

Proxecto:

Drama xuvenil que mestura o thriller co paranormal e que relata as peripecias dun grupo de universitarios e a súa profesora, durante a investigación de varios fenómenos sobrenaturais.

Un coming-of-age que explora as atractivas personalidades dos protagonistas, seis estudantes que, a pesar de ser polos opostos, compleméntanse e axúdanse a afrontar os seus propios medos e problemas persoais.

A comunidade galega, as súas paisaxes e os seus lugares recónditos son o marco perfecto para ambientar unha historia que se caracteriza pola súa atmosfera inquietante. A serie combina dous dos xéneros máis demandados, segundo Parrot Analytics1: o paranormal e o xuvenil. A trama thriller de O círculo de Gaia serve de mecanismo de arrastre e fidelización da audiencia.

Para este proxecto contamos con Lidia Fraga, unha profesional cunha longa traxectoria en ficción seriada, con títulos como A lei de Santos, Hospital Real ou Piratas, e tamén con Alba Araújo, guionista de O Faro, Los Hombres de Paco e Motel Valkirias, que é a creadora novel do proxecto.
 

Doutor Cunqueiro (6x45')

 

Xénero: Comedia romántica.
Duración: 6x45’.
Creador da adaptación: Eligio R. Montero.
Guionista: Eligio R. Montero.

Proxecto:

 

Doutor Cunqueiro é a adaptación televisiva dunha coñecida obra da literatura galega, Os outros feirantes, de Álvaro Cunqueiro. Este libro de relatos curtos é un bo exemplo do universo cunqueiriano, cheo de personaxes e historias excéntricas, nas que a tradición e a cultura galega son o eixe central da narración.

Trasladamos estes relatos á actualidade e ambientamos todos os capítulos nun mesmo espazo: a vila imaxinaria de Noralla. Explotamos o realismo máxico de Álvaro Cunqueiro, a súa visión grotesca e fantástica do mundo, a través dun personaxe principal; un doutor.

 

Os capítulos están compostos por tramas autoconclusivas, baseadas nos argumentos de Os outros feirantes, e por unha trama horizontal que narra a viaxe emocional do protagonista,  a súa trama amorosa e tamén a súa relación coa carismática pantasma.

bottom of page